Acordos da asemblea do venres 20 de outubro 2017.

Na reunión que tivo lugar o venres (20 – 10- 2017) ás 20.00 h. en Vimianzo con representantes de ANPAs tratáronse os seguintes puntos da orde do día:

– Programación das vindeiras xornadas ANPAS GALEGAS sobre a atención á diversidade que terán lugar en Cee a finais de novembro. O obxectivo primordial destas VI xornadas é xerar un tempo e un espazo no que adquirir coñecementos e aprendermos xuntos, profesorado, nais e pais. Porque entendemos que a todas e a todos nos move un único interese: mellorar as prácticas educativas, atendendo á diversidade do alumnado.
Estas xornadas versarán sobre Diversidade e Educación e nelas aproveitaremos para coñecer novos aspectos educativos que non tratamos nas anteriores e que a todas e todos nos poden servir de modelo.

– Liga de Xadrez das ANPA. Como organizar os espazos e mobilizar a necesaria infraestrutura, tendo en conta o éxito na inscrición dun número elevado de alumnas e alumnos (108) para unha liga que se desenvolverá entre os meses de outubro e novembro nos concellos de Carballo, Ponteceso, e Mazaricos.
Agora formaranse equipos entre as distintas ANPAs da federación de ANPAS da Coruña – Costa da Morte, a realizar en tres xornadas.

– Aprobouse por unanimidade a entrada de novas ANPAs na nosa federación.

– III edición do Camiño SenLímites.
Unha terceira edición máis complexa (polo tanto máis difícil de organizar) que a anterior, onde continuaremos a partillar experiencias en igualdade, as cales constitúen un motivo de existencia deste camiño inclusivo. Porque este inclusivo Camiño SenLímites dinos que nunca debemos perder o dereito a incluír, a compartir, ao recoñecemento da diversidade, xa que, senón, perderemos o dereito a sermos libres.

– Actualizouse a información sobre a Conta Xeral da Federación, quedando, loxicamente, pendente a contabilización de gastos das vindeiras actividades a realizar até remate do ano 2107, aínda que xa están asignados os orzamentos.

– No apartado de rogos e preguntas houbo moita participación, sobre todo no ámbito de formación nas ANPAs.
Sen outros asuntos que tratar, rematou a sesión ás 22:50 h.

Deixar unha resposta