9 de maio – folga no ensino. Participa!

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público convoca folga no ensino contra a LOMCE o vindeiro 9 de maio.

Desde a Plataforma Galega en defensa do Ensino Público, da que a nosa federación de ANPAs formamos parte,  vimos realizando un labor de información e mobilización contra a LOMCE entre os que están numerosos actos e accións como xornadas, charlas, debates, resolucións dos claustros e dos consellos escolares, concentracións comarcais e peches rotatorios no mes de abril. Esta folga é, polo tanto, a continuación deste proceso de mobilizacións encamiñado a paralizar este proxecto de lei destrutora do ensino público.

A Plataforma considera que o día 9 de maio non é a data máis axeitada, por ser día festivo na capital galega e noutras localidades, e que o procedemento seguido polas organizacións estatais nesta convocatoria non é o axeitado, por tomaren unha decisión á marxe da dinámica galega e, polo tanto, excluíndo as organizacións que actuamos en Galiza. Malia esta desconsideración, que responde a un criterio totalmente centralista, optamos por convocar folga o día 9, xa que o fundamental é evidenciar o máximo rexeitamento á LOMCE para conseguir a súa retirada.

 

Desde a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, facemos un chamamento a participar activamente na folga e nas mobilizacións previstas para ese día 9, ás 11:30 horas, entre as que están Ourense, Vigo, Ferrol, Vilagarcía, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Burela, Santiago e Carballo.

 

Por que imos á folga o día 9?

 

Imos á folga para amosar o seu total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores  sociais máis desfavorecidos  da sociedade.

 

Trátase dunha lei que pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal e que afonda nas diferenzas sociais no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.

 

É un anteproxecto recentralizador e españolizador que lle facilita ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma. Procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e impón  un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

 

Repercutirá negativamente no ensino público e fortalecerá, pola contra, o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a  selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de xénero, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade.

 

Unha vez máis, estamos ante contrarreforma que reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en relixión.  No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.

 

É un anteproxecto profundamente antidemocrático, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno. A dirección será imposta pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado  que sexa proposto pola administración.

 

Liquida a igualdade de oportunidades, ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios que condenan, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando  de maneira temperá  o seu futuro académico e laboral. 

 

Pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha  formación de calidade.

 

Este anteproxecto de lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a empregabilidade.

 

É unha anteproxecto que reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo, facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial  para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e integral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.

 

Por todos estes motivos, porque significa un retroceso de décadas e porque elimina a igualdade de oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace, a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público chama e participará activamente na folga do día 9 para exixir a retirada desta lei e procurar un ensino público galego, laico e democrático.

 

 

Unha reflexión sobre “9 de maio – folga no ensino. Participa!

  1. Pingback: Continuamos coas charlas -debate sobre a LOMCE e camiñamos cara a xornada de folga | Federación de Anpas da Costa da Morte

Deixar unha resposta